Mesmos servizos
para todos os barrios.

Aínda que o centro da nosa cidade é un punto de encontro, traballo e lecer fundamental para a veciñanza, son os barrios onde maioritariamente residimos e pasamos outras tantas horas do noso día. Por iso, é fundamental que o espazo público estea igualmente coidado en todas as zonas, e que existan os mesmos recursos que permitan un mantemento continuado e adaptado ás distintas particularidades das rúas, prazas, zonas verdes e estradas urbanas.

Esta é unha das medidas fundamentais que recolle o novo contrato para non deixar ninguén atrás, xa que todos os barrios son igualmente importantes: extensión a toda a cidade dun sistema de limpeza efectivo de forma regular e continuado, segundo o nivel de ocupación e frecuencias de uso en cada distrito.

Limpeza con auga
máis eficiente en
toda a cidade.

Unha medida imprescindible por equidade (até agora só se limpaba con auga de forma regular no centro) e por eficacia (consegue eliminar sucidade que doutro xeito fica incrustada).

Coidado e mantemento
máis sustentable e
con menos ruído.

A renovación da flota de maquinaria, en liña co compromiso natural, saudable e comprometido, inclúe tecnoloxías que minimizan o impacto ambiental e son respectuosas co descanso da cidade en horas nocturnas e nas primeiras horas do día, grazas a vehículos con tecnoloxías eléctricas, a gas ou híbridos que actúan cunha mínima emisión de ruídos no cadro dun sistema máis sustentable.

As grandes
melloras.

As novas principais que traerá consigo esta nova licitación organízanse en torno de grandes liñas de actuación que inclúen novas zonas de intervención, dotacións e recursos equitativos e adaptados, e reforzos especiais en datas destacadas, ademais de garantir o mantemento regular e continuado da limpeza dos espazos.

Renovación das papeleiras
Renovación das papeleiras

As papeleiras que actualmente están distribuídas pola cidade serán substituídas por outras novas de forma adaptada a cada ambiente, con modelos especiais para lugares de valor patrimonial, zonas verdes e espazos infantís. Ademais, establecerase por contrato un sistema regular de limpeza e mantemento das mesmas con accións rutineiras e reforzos especiais de carácter trimestral, que serán revisados polo control de calidade.

Os polígonos, un barrio máis
Os polígonos, un barrio máis

Agrela e Pocomaco acollen boa parte do tecido empresarial e industrial da cidade. Un gran número de metros cadrados en constante produtividade con grande actividade de vehículos e persoas, que durante o día funciona como se dun barrio máis se tratar. A especial aposta do novo contrato garante para eles un plan adaptado de limpeza con varridos manuais, mecánicos, e accións de reforzo especiais en todas as zonas.

Praias coidadas, océanos limpos
Praias coidadas, océanos limpos

A Coruña é unha cidade que vive cara ao mar, onde se concentran actividades deportivas e de lecer, acompañando o uso natural das praias. Ademais dos reforzos habituais nos meses de verán, de outubro a maio será realizado un seguimento estabilizado da limpeza dos areais, o que nos permite ter as praias coidadas e libres de residuos durante todo o ano. Instalaranse tamén novos colectores e papeleiras con sistema de recolla selectiva para evitar que ningún residuo chegue ao mar.

Lecer nocturno: dispositivo especial
Lecer nocturno: dispositivo especial

Na actualidade, o lecer nocturno da cidade concéntrase nunha estrutura de rúas e prazas no centro onde conviven negocios de restauración e hostalaría con zonas residenciais de grande densidade de poboación. Co fin de respectar todas as circunstancias que se concentran nestas zonas, os equipos de limpeza actuarán en horario vespertino, comezando cos traballos unha vez pechados os establecementos e finalizando a tempo para que a veciñanza poida comezar o día co barrio totalmente recuperado da actividade nocturna.

Festas e eventos sustentables e respectuosos
Festas e eventos sustentables e respectuosos

Nas datas especiais de celebracións e lecer, aumenta notablemente a cantidade de residuos e sucidade que xeramos pola ocupación masiva de espazos reducidos. Feito que require dun dispositivo especial de limpeza cando os festexos finalizan, e que non debe alterar o transcurso regular de limpeza do resto da cidade. Así, serán habilitados equipamentos específicos de limpeza con recursos humanos e materiais que realizarán un labor intensivo acorde ao volume de residuos xerados, devolvendo así os espazos ao seu aspecto natural da forma máis rápida posible. O mellor exemplo témolo co San Xoán, onde, grazas á sensibilización cidadán e ás medidas especiais, nos últimos tres anos reducíronse nun 45% os residuos depositados.

Pintadas, gomas de mascar e manchas
Pintadas, gomas de mascar e manchas

O novo plan de limpeza viaria recolle tamén os medios precisos para actuar con rapidez e solvencia fronte a danos ocasionados no espazo público por faltas de civismo ou vandalismo, que derivan en pintadas, gomas de mascar coladas e manchas de gran tamaño.

Limpeza e natureza compatibles
Limpeza e natureza compatibles

Os meses de outono traen consigo a caída continua da follaxe das árbores, que cobren os pavimentos das rúas e, en ocasións, dificultan a súa accesibilidade e provocan pequenas caídas ou esvaróns. Para solucionar este fenómeno natural, profesionalizaranse os sistemas de recolla con maquinaria eléctrica especializada de sopro e aspersión que actuarán por todos os barrios de forma regular minimizando os ruídos dos sistemas actuais.

Reforzo para a eliminación da vexetación espontánea sen herbicidas tóxicos
Reforzo para a eliminación da vexetación
espontánea sen herbicidas tóxicos

Métodos máis profesionalizados e adaptados mediante sistemas mecánicos de calor e outros produtos naturais, permitirán optimizar o reforzo especial para a erradicación da vexetación espontánea que xorde nas nosas beirarrúas, especialmente nos meses de primavera. Medidas que, xunto coa eliminación de herbicidas tóxicos en prazas, xardíns e parques infantís, garanten unha estratexia de coidado do espazo público máis saudable para todos e todas.

Solución inmediata aos vertedoiros incontrolados
Solución inmediata aos vertedoiros incontrolados

Para manter o espazo público coidado todo o ano é precisa capacidade de resposta perante imprevistos. Nesta liña, habilitarase un dispositivo especial de emerxencia para actuar rapidamente contra vertedoiros incontrolados tanto en solo público como en parcelas privadas.

A pé de barrio
A pé de barrio

Unha vez por ano, en todos os distritos, contémplase e garántese unha limpeza intensiva con auga a presión, que se superpón aos coidados diarios e rutineiros. Un dispositivo especial que baldea con auga a presión todas as rúas sen os vehículos estacionados, o que permite un nivel de limpeza máis intensivo e eficiente.