A Coruña, próxima
e comprometida

A Coruña ten máis de 6000 habitantes por quilómetro cadrado. Trátase da maior densidade de poboación de Galicia e unha das máis altas de Europa, con barrios como a Agra do Orzán, que ten unha das maiores concentracións do continente. É dicir, convivimos un maior número de persoas en menos metros cadrados, polo que é precisa unha rede de servizos que cubra as necesidades de todos os grupos de poboación.
Tamén como noutras cidades o 30% dos residuos os xeran os que denominamos “grandes produtores”: hostalería, comercio, hoteis, residencias, centros educativos, etc. Isto deriva, como noutras cidades, en que o 30 % dos residuos os xeran os que denominamos “grandes produtores”: hostalería, comercio, hoteis, residencias, centros educativos, etc. Estes, sendo menos en cantidade relativa en comparación cos fogares, producen residuos moi cuantiosos, provocando dificultades de xestión no espazo público, especialmente en rúas e barrios moi transitados, como a zona centro de compras e ocio.
Unha problemática coa que cobra máis valor ca nunca o compromiso que mostramos en materia de residuos (das máis de 18.000 Tn de papel e cartón recuperadas na cidade e no Consorcio, case 7.000 Tn recuperadas recolléronse en contedores selectivos e porta a porta nestes locais) e fai máis importante manter medidas de proximidade, adaptadas ás súas necesidades, con reforzos e actuacións especiais particularizadas por sectores e barrios:

Aposta polo modelo
orgánico/inorgánico.

A Coruña, cun modelo de reciclaxe distinto ao das outras cidades de Galicia pero compartido coa súa área metropolitana, vén facendo unha aposta dende hai décadas por un modelo de separación orgánico/inorgánico que funciona: logramos separar de forma máis doada e rápida o que podrece (restos dos orgánicos), posibilitando unha recuperación máis eficiente do resto dos materiais reciclables que van no contedor de inorgánico.
Hoxe en día na planta de Nostián xa se ingresan sobre 7 millóns de euros ao ano grazas á recuperación de máis de 11.000 Tn de envases.
É apenas unha pequena parte do que se pode chegar a ingresar cunha maior separación nos fogares:
Se todo o papel e o cartón que van a contedores que non lles corresponden fosen ao contedor azul, na Coruña poderiamos sumar 1.000.000 de ingresos máis pola súa recuperación.
E, no caso do aceite, lograriamos case 150.000 euros de aforro se os máis de 500.000 litros de aceite de cociña usado non chegasen á depuradora e se reciclasen nos contedores especiais presentes nas rúas de toda a cidade.

Medidas especiais
para as principais zonas
de hostalería e comercio.

Na actualidade, e co obxectivo de axudar a unha mellor xestión de residuos nestes sectores, dúas veces ao día, no verán e no Nadal efectúase unha recollida diaria en comercio e hostalería, directa e personalizada, en cadanseu establecemento: Zona Centro, Os Mallos, rúa Barcelona ou A Gaiteira, entre outros.
Trátase de evitar que o gran volume de residuos que se xeran neses días especiais saturen os contedores destinados aos veciños e veciñas que habitan nas rúas máis céntricas e transitadas.

A aposta pola
economía circular.

A posta en marcha en 2015 de novas medidas lideradas por iniciativas de economía social que xestionan de forma separada residuos especiais, como a roupa (Institución Benéfico Social Padre Rubinos), o aceite (Mulleres Colleiteiras) ou os proxectos piloto coas lonas publicitarias (ACOPROS/Asociación Coruñesa de Promoción de Xordos e ADCOR/Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña), contribúe á xeración de emprego e á inclusión social de colectivos desfavorecidos.

Programa
Composta Coruña.

Na actualidade estase a desenvolver o primeiro programa piloto de compostaxe doméstica.
50 familias dos barrios de Eirís, Pedralonga e Elviña participan nel, transformando nas súas fincas particulares os residuos de tipo orgánico (a metade do total que se produce en cada familia) en humus ou adobo útil, e en breve máis familias optarán por este modelo de redución e xestión de residuos no fogar.

Festas e eventos
máis respectuosos.

Son moitas e moi diversas as actuacións que se puxeron en marcha nos dous últimos anos no marco do “Plan de Eventos Sostibles” para lograr un menor impacto ambiental das festas, eventos deportivos e outras actividades nas que se concentra un gran número de persoas no mesmo espazo.
Algúns exemplos son a instalación das illas de reciclaxe en concertos e celebracións gastronómicas;
obradoiros de educación ambiental en materia de residuos nas festas dos barrios para as familias; introdución do vaso reutilizable ou “ecovaso” en romarías como a de Santa Margarida, entre outras, que axuda a reducir o consumo de vasos dun só uso e contribúe coa limpeza posterior do espazo público; programas educativos para a mocidade, como “#MÓLLATE”, que traballan para lograr un San Xoán máis sostible e que xa en 2017 demostrou que, agora si, outro San Xoan é posible.
Estas e outras medidas comezaron sendo obxectivos e hoxe son realidades.
Éxitos compartidos que se traducen en miles de euros de aforro e recuperación de residuos para outros usos, o que supón unha redución progresiva de emisións, e unha implicación real da veciñanza que nos leva a falar, orgullosos, de ecorresponsabilidade: dunha Coruña comprometida co ambiente.