Nova estratexia
de residuos na vangarda
europea.

A mellor base para seguir medrando.

Todo o acadado ata hoxe facilita a posta en marcha dunha innovadora estratexia que mira a Europa para consolidarnos como unha cidade modelo en materia de residuos.

A consulta pública: aposta
pola transparencia e participación.

2018 será un ano de grandes cambios: chegou o momento de renovar o contrato de residuos que opera na actualidade, vixente dende o ano 1967.
Para iso, e valéndonos dunha directiva europea que permite que as administracións fagan consultas na fase de elaboración dos pregos antes de sacalos a licitación, a Concellería de Medio Ambiente abre un período de consulta pública para que os requirimentos que estes recollan se vexan enriquecidos coas propostas e os coñecementos dos principais axentes sociais involucrados: traballadores e traballadoras, grandes empresas licitadoras, universidades, asociacións veciñais, etc.
Trátase dun procedemento absolutamente innovador en España e pioneiro en Galicia, que aposta por unha licitación transparente, reformadora e participativa.

As grandes melloras.

As novas principais que traerá consigo este novo contrato de residuos organízanse arredor de grandes liñas de actuación de cumprimento obrigatorio para a empresa concesionaria:

Coidado e limpeza Coidado e limpeza
Contedores Contedores
Grandes productores Grandes productores
Aposta polo modelo orgánico/norgánico Aposta polo modelo orgánico/norgánico
Plan especial zona centro Plan especial zona centro
Veciñada Veciñada
Novas dotacións Novas dotacións
Compostaxe Compostaxe
Novas dotacións

Máis de 15.000 novos contedores cun formato e estética renovados, agrupados en illas de reciclaxe para o papel e cartón ou vidro; e novos vehículos de recollida que actualizarán o 100 % das dotacións actuais nas rúas. Aqueles recursos que estean aínda en bo estado e conten con menos de 10 anos de antigüidade continuarán en uso como reposto dos anteriores, optimizando e reforzando diversas actuacións, como avarías ou servizos extras.

Contedores máis accesibles

O importante non é apenas a cantidade, senón a calidade e accesibilidade destes, xa que, ademais de integrarse esteticamente mellor e de forma máis unificada na cidade, mellorarán a proximidade, a comodidade e o uso diario de toda a cidadanía: aumentarán os contedores específicos para papel e cartón ou vidro. Un 25% de todos os contedores estarán adaptados para un mellor e máis doado uso por parte de maiores e nenos, así como doutros grupos de poboación con necesidades especiais, como persoas con mobilidade reducida ou con perda total ou parcial da visión (implementación do código braille nos contedores, entre outras cousas).

Coidado e limpeza do espazo público

O coidado e o mantemento controlados dos novos contedores e camións permitirán manter a cidade máis limpa e saudable, garantindo a limpeza regular cada 15 días no seu lugar de uso, e outra máis en profundidade na planta cada 3 meses.

Grandes produtores. Unha maior implicación
que se traduce en aforro e sostibilidade

Lembremos que o maior volume de residuos se concentra nun número reducido de produtores. É dicir, un número reducido de entidades son as que xeran a maior parte dos residuos: a hostalería (principalmente a da Zona Centro), o comercio, os polígonos industriais e os hospitais ou centros educativos, entre outros, producen o 30 % dos residuos que se recollen na cidade.
Daquela, son o colectivo que precisa de medidas especiais de impacto, e por eles comezará a gran revolución ecolóxica.

Plan especial Zona Centro

O trazado das rúas da zona viños e a presenza de patrimonio histórico non permiten instalar máis contedores soterrados, e o último que se precisa é aumentar o número dos de superficie, que entorpecen a circulación de persoas e afectan a conservación do patrimonio histórico. Por iso, activarase unha recollida xeral de residuos (tanto da materia orgánica coma inorgánica, vidro ou cartón), directa e particular en cada establecemento, dúas veces ao día de xoves a domingo en época baixa, e todos os días da semana no verán e no Nadal.

Que conseguiremos?

Principalmente, ter moitos menos residuos presentes nas rúas, ademais dunha maior limpeza do espazo común na zona de maior afluencia de visitantes. En definitiva, máis comodidade para todos e todas, contribuíndo a un incremento notable da recuperación de materiais e á reciclaxe en beneficio de toda a cidade:

Máis concienciación, máis sensibilización

De forma conxunta, o Concello e a empresa concesionaria levarán a cabo un intenso labor de sensibilización e aprendizaxe en materia de reciclaxe para toda a cidadanía: é fundamental saber como separar correctamente os residuos para manter as cifras actuais e que as novas medidas se traduzan rapidamente en melloras ambientais palpables casa a casa, rúa a rúa, barrio a barrio.

Os residuos como fonte de emprego e inclusión social

O obxectivo é que todos aqueles residuos que poidan ser aproveitados para reutilización ou reciclaxe, e orientar as medidas e actuacións para que a xestión destes residuos funcione como xeradora de emprego directo para colectivos desfavorecidos.
Os pregos que rexerán este novo contrato valorarán, ademais da conservación dos colectivos de economía social actuais, a integración de novas entidades para a reparación doutros residuos de recollida especial, como os voluminosos ou os residuos electrónicos, entre outros, favorecendo así tanto a reciclaxe como a integración na sociedade de grupos en risco de exclusión.

Veciñanza. Recompensando as boas prácticas

Ademais de todos os beneficios directos e indirectos que suporán o resto das actuacións, os cidadáns e cidadás tamén poderán beneficiarse a título particular de programas pilotos innovadores e experiencias que, implicando directamente a todos os veciños, permitan recompensar de forma directa as boas prácticas no ámbito doméstico.
Así, seleccionaranse algúns barrios que cumpran coas características máis óptimas, como aqueles que xa hoxe reciclan máis e mellor, para probar novos sistemas de recollida xa presentes nalgunhas cidades europeas e que se basean en recoñecer, mediante identificación electrónica, a aqueles veciños e veciñas que voluntariamente separan ben o lixo.
Trátase de premiar así as boas prácticas a título particular e de que o incremento global da reciclaxe na cidade se traduza en recompensas directas sobre a taxa municipal ou beneficios doutra consideración.

Incremento da compostaxe doméstica e comunitaria

Continuarase co programa xa en vigor “Composta Coruña” para favorecer que os domicilios que teñan un pequeno espazo verde xestionen no seu propio xardín os residuos orgánicos que xeran. Ademais, apostarase pola compostaxe comunitaria, especialmente vinculada ás hortas de xestión ecolóxica que dende o Concello se están a implantar.
Novas convocatorias permitirán incrementar o número de familias participantes neste programa especial, multiplicando exponencialmente a recuperación de residuos e reducindo os que chegan á planta de reciclaxe, o que se traduce en aforro directo que repercute en toda a cidade.

Redución de emisións e ruídos

A xestión de residuos dunha cidade (en todas as súas fases, dende a recollida ata a transformación) é, xunto coa mobilidade en coche e certas actividades de ocio, unha das actividades de maior impacto no ambiente, fonte constante de ruídos e factor de produción dunha grande emisión de gases causantes do cambio climático. Por iso, o novo contrato introduce unha serie de tecnoloxías e innovacións ambientais para minimizar estas consecuencias nocivas, entre as que destacan os novos vehículos de recollida, que estarán 100 % preparados para impactar o menos posible na actividade diaria e no descanso nocturno da cidade, sendo eléctricos cando a tecnoloxía o permita ou a gas e híbridos na maioría dos casos.

Desde o local para o global:
o Residuo Cero como meta.

E todo isto…
por que e para que?

Porque temos o deber ético entre todas e todos de coidar, mellorar e protexer a natureza, sen a cal non poderiamos vivir.
Para converter A Coruña nunha cidade modelo que lidere o compromiso ambiental no Estado grazas á redución de residuos e á conversión en fonte de recursos, riqueza e emprego daqueles que é inevitable producir.
Para que A Coruña sexa unha cidade máis próxima, natural, saudable e comprometida.
Entre todos e todas, podemos conseguilo.
Contamos coa túa colaboración!